Saltar ao contido

Hippoglossoides platessoides

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hippoglossoides platessoides
Platuxa americana

Debuxo de Hippoglossoides platessoides na obra Oceanic Ichthyology, de G. Brown Goode e Tarleton H. Bean, publicada en 1896

Caras pigmanetada e cega de H. platessoides
Caras pigmanetada e cega de H. platessoides

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
ou Hippoglossoidinae, segundo os autores
Xénero: Hippoglossoides
Especie: H. platesoides
Nome binomial
Hippoglossoides platessoides
(Fabricius, 1780) [1]

Hippoglossoides platessoides, coñecido en galego como platuxa americana,[2] é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos, unha das catro recoñecidas actualmente no xénero Hippoglossoides.[3]

Visión xeral

[editar | editar a fonte]

Trátase dun peixe mariño, demersal, oceanódromo, de importancia comercial,[4] que se captura ao longo das costas de ambos os lados do océano Atrlántico norte,[5] desde o sur do Labrador e do gran banco de Terra Nova, até as do estado de Rhode Island (Estados Unidos), até as de Islandia e as illas Spitzberg e Nova Zembla, polo norte, incluíndo as do norte de Rusia, Finlandia, Noruega, Suecia e Dinamarca, até o canal da Mancha, polo sur, incluído as das illas Británicas, os Países Baixos, Bélxica e o norte de Francia, até a Bretaña, pasando polas de Groenlandia.[6]

Vive en fondos brandos, lamacentos ou areosos, os adultos a profundidades de entre os 90 aos 250 m, en augas frías, a temperaturas de entre os -0,5 e os 2,5 °C, alimentándose de invertebrados e pequenos peixes.[6][7]

A Northwest Atlantic Fisheries Organization dos Estados Unidos considera que esta especie está sometida a unha pesca excesiva, e que as súas poboacións non presentan signos de recuperación. Pola súa parte, o goberno canadense cre que é abundante, sendo a segunda especie de peixe plano capturada polos pesdcadores do país, e representa un 50 % das capturas destes peixes dos seus pescadores. Porén, un estudo de 1997 informa que Hippoglossoides platessoides está en perigo de extinción no Canadá debido á sobrepesca.[8]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1780 polo naturalista danés Johan Christian Fabricius, baixo o nome de Pleuronectes platessoides.[1]

Nome específico

[editar | editar a fonte]

O nome específico, platessoides, deriva do nome dó xénero Platessa, creado por Cuvier en 1816 e hoxe invalidado, xa que se identifica con Pleuronectes Linnaeus, 1758,[9] ao que se engadiu a desinencia do latín científico -oides, derivado do grego antigo είδοσ eídos, "aspecto", paea indicar a súa semellamza coas especies daquel xénero.

Cabeza de H. platessoides.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo esta especie foi coñecida polos seguintes sinónimos:[1]

  • Drepanopsetta platessoides (?)
  • Hippoglossoides limanda Gottsche, 1835
  • Hippoglossoides platessoides limandoides (Bloch, 1787)
  • Hypoglossoides platessoides (Fabricius, 1780)
  • Pleuronectes limandoides Bloch, 1787
  • Pleuronectes platessoides Fabricius, 1780 (nome orixinal)

Descrición

[editar | editar a fonte]

Esta especie é un peixe plano cos dous ollos situados no lado dereito do seu corpo, ovalado. A coloración do seu lado superior, pigmentado, é parda avermellada. O lado inferior, ou cego, é de cor abrancazada.

A aleta dorsal orixínase á altura da metade do ollo superior. A aleta caudal presenta un pequeno alargamento na parte central.

O seu corpo é ovalado, esvelto, e pode alcanzar uns 50 cm de lonxitude, pero os espécimes capturados raramente superan os 40 cm, e un peso de 700 g. A súa boca é grande, e a liña lateral é csse recta. Está cuberto por escamas rugosas. A aleta dorsal orixínase á altura do ollo superior.[6]

A lonxituxe máxima rexistrada foi de 82,6 cm,[10] e o peso máximo, de 6,4 kg.[11]

Hábitat, distribución e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

É un peixe mariño, demersal, oceanódromo,[4] que habita sobre fondos brandos a profundidades de entre os 10 e os 3.000 m,[10] aínda que usualmente entre os 90 e os 250 m,[12] en augas frías de entre -0,5 e 10 °C de temperatura,[6] desde os 77° N e os 41° N, e os 72° W e os 55° E,[7] por ambas as beiras do océano Atlántico, desde Groenlandia oriental e o canal da Mancha á costa de Múrmansk (Rusia), polo leste, e desde o sur da península do Labrador (Canadá) e o oeste de Groenlandia até o estado de Rhode Island (Estados Unidos).[11]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Reprodución

No mar do Norte alcanzan a madureza sexual aos 2 ou 3 anos, cando miden de 15 a 20 cm. No mar de Barents e nas costas de Groenlandia a taxa de crecemento é moito máis baixa. As femias medran máis rápído que os machos. A reprodución ocorre en primavera en case toda a súa área de distribución, e a desova prodúcese a profundidades de entre os 1100 e os 200 m. Cada femia produce entre 50 000 e 300 000 ovos, que son peláxicos e miden de 2 a 3 m m de diámetro. Os ovos eclosionan aproximadamente ás 2 semanas da desova, dando lugar a larvas, igualmente peláxicas, que miden case 5 mm. cando as larvas alcanzan 20 ou 30 mm, fanse bentónicas, migrando cara a fondos de 40 a 100 m.[6]

Nutrición

Aliméntanse de equinodermos (ourizos, ofiúras), vermes, crustáceos e pequenos peixes. Pola súa perte, a especie serve de alimento a bacallaus, halibuts, marucas e raias.[6]

Lonxevidade

A idade máxima rexistrada para esta especie foi de 30 anos.[12]

Captúrase sobre todo na área de pesca 21 (Atlántico noroeste),[2] como pesca accesoria nos arrastreiros e, aínda que segundo Muus et al, se utilíza case exclusivamente na produción de fariña de peixe, xa que o seu corpo é delgado e a carne a miúdo acuosa.[6] o certo é que esta platuxa se comercializa en fresco e conxelada, e consómese cocida ao vapor, frita, e asada ao forno, e en microondas.[13]

  1. 1,0 1,1 1,2 Hippoglossoides platessoides (Fabricius, 1780) no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 81.
  3. Hippoglossoides Gottsche, 1835 no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Federal Agency for Nature Conservation, Bonn, Germany.
  5. "Plaice", en Grolier Encyclopedia of Knowledge, volume 15. Grolier Inc. ISBN 0-7172-5300-7.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 260-261.
  7. 7,0 7,1 Hippoglossoides platessoides (Fabricius, 1780) en FishBase.
  8. Emmanuelle Bergeron, Jean Huot & Lena N. Measures (1997): "Experimental transmission of Otostrongylus circumlitus (Railliet, 1899) (Metastrongyloidea: Crenosomatidae), a lungworm of seals in eastern arctic Canada". Canadian Journal of Zoology, 75 (9): 1364-1371.
  9. Platessa Cuvier, 1816 no WoRMS.
  10. 10,0 10,1 Coad, B. W. and J. D. Reist (2004): "Annotated list of the arctic marine fishes of Canada". Can. MS Rep. Fish Aquat. Sci. 2674: iv +112 pp.
  11. 11,0 11,1 Robins, C. R. and G. C. Ray (1986): A field guide to Atlantic coast fishes of North America. Boston, USA: Houghton Mifflin Company.
  12. 12,0 12,1 Bowering, W. R. and W. B. Brodie (1991): "Distribution of commercial flatfishes in the Newfoundland-Labrador region of the Canadian Northwest Atlantic and changes in certain biological parameters since exploitation". Neth. J. Sea Res. 27 (3/4): 407-422.
  13. Frimodt, C. (1995): Multilingual illustrated guide to the world's commercial coldwater fish. Fishing News Books. Oxford, England: Osney Mead. ISBN 0-85238-213-8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Eschmeyer, W. N.; E. S. Herald e H. Hammann (1983): A field guide to Pacific coast fishes of North America. Boston, USA: Houghton Mifflin Company.
  • Gill, T. N. (1861): "Catalogue of the fishes of the eastern coast of North America, from Greenland to Georgia". Proc. Acad. Nat. Sci. Phila. vol. 13 (Suppl.), pp 1–63.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds. European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: pp. 357–374. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]